Saturday 27 de April de 2024

Martínez Sanjurjo demanda a implicación de toda a corporación no caso dos parques eólicos de Ordes


Pide a unión de todas as forzas para traballar de maneira conxunta e evitar alarmas sociais innecesarias. O pleno acordou por unanimidade solicitar melloras na área de pediatría do centro médico e no ximnasio Castelao

O proxecto de instalación dun parque eólico en Ordes foi un dos puntos de maior interese da sesión plenaria correspondente ao mes de abril. Unha cita que tivo que ser adiantada unha semana con respecto da data establecida habitualmente debido á inauguración de ExpoOrdes 2018 o vindeiro venres.
Tras facer autocrítica e recoñecer “que deberiamos haber emitido un bando a maiores do que publicamos en redes sociais e na nosa web respecto a este tema”, o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo informou detalladamente a toda a corporación sobre o preceso e a situación do parque eólico Ardemil. Así, foi o pasado mércores tras a xuntanza mantida con técnicos delegados da empresa Green Capital Power, responsable do proxecto, cando tivo coñecemento de que se ía proceder a renuncia o xoves, a cal foi levada a cabo formalmente no día de onte. A partir de agora o obxectivo é a posta en marcha de parques eólicos de menos de 50 MW, para o que xa teñen presentado unha nova solicitude que se sitúa no monte Inxerio (Mercurín).
Información compartida
Martínez Sanjurjo anunciou a cada un dos grupos a traslación de toda a documentación que forme parte dos expedientes municipais, así como das comunicacións emitidas mediante correo electrónico coa dita empresa e organismos oficiais. Finalmente solicitou “a colaboración e o traballo de todos de maneira conxunta e colaborativa para levar este tema do mellor xeito posible e sen crear alarmas sociais innecesarias”.

A este respecto a concelleira non adscrita Beatriz Martínez Candal presentou unha moción vía urxente que tan so contou coa seu propio respaldo. Un rexeitamento que se fixo especialmentenotable no primeiro punto do texto no que demandaba á Consellería de Economía, Emprego e Industria “a imposibilidade de declarar zona de especial protección a non ser que se garantan compesacións por alugueres de, a lo menos, un 4% durante 25 anos como mínimo”. Algo que responde “a un modelo de economía intervida, e non a unha economía de mercado libre como a que temos neste país”, reprochoulle o rexedor. Pola súa banda o BNG manifestou estar “a favor das enerxías renovables pero non así, colocando aeroxeneradores a carón das casas e poñendo en perigo o rural de Ordes, que por outra banda xa está moi saturado de redes enerxéticas, o que nos fai pensar que este pobo non pode ter un parque eólico”, indicou o voceiro Pablo Vidal. A negativa do Goberno local, e dos non adscritos Roberto González e Luis Gómez, xunto coas abstencións de UxO, PSOE e BNG tumbaron a proposta.
Contrariamente o Partido Socialista si que conseguiu aprobar as súas mocións. E ademais de forma unánime co consenso de todas as forzas. Con isto solicitarase á Consellería de Sanidade habilitar melloras nas salas de espera pediátrica no centro médico de Ordes. Neste punto o BNG sumou dúas propostas para que, por unha banda, os dous pediatras exerzan a tempo completo e, por outra, se tomen medidas nos falsos teitos da instalación para evitar as temperaturas extremas que se rexistran en moitas ocasións. En relación, a concelleira de Benestar Social, Susana García, informou da xuntanza de traballo mantida esta mesma semana coa xerencia do centro na que, entre outros aspectos, xa se avanzaron detalles do proxecto de reestruturación da zona de espera do servizo de pediatría. Por outra banda tamén se fixo referencia á xuntanza mantida entre o alcalde de Ordes e o presidente da Mancomunidade de Ordes, Roberto Rey, coa xerente da área sanitaria o pasado mes de xaneiro, na cal se lle informou destas e outras problemáticas.

Investimento municipal
A segunda moción aprobada insta á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a arranxar o ximnasio do CEIP Castelao. Instalación na que o Concello de Ordes xa interviu arranxando desperfectos tanto na cuberta cuberta como na pista, ademais de instalar unha biseira na entrada e un novo sistema de ventilación para evitar a condensación.

Por parte do BNG solicitouse o pago da entrada da festa dos maiores por parte de todas e todos os membros da corporación, así como dos seus acompañantes no caso de levalos. Os nacionalistas tan so contaron co apoio da non adscrita Beatriz Martínez. Tanto o grupo de Goberno como Roberto González e Luís Gómez votaron en contra, mentres que UxO e PSOE se abstiveron. “Non é por non pagar. A festa dos maiores é un acto no que a corporación é a anfitrioa, polo que non ten cabida esta medida”, argumentou Susana García. A concelleira resaltou o seu argumento e a actitude altruísta dos membros do equipo de goberno resaltando “a enorme cantidade de horas que os concelleiros e concelleiras deste Goberno botan traballando e atendendo asuntos sin percibir remuneración algunha. Incluso poñendo os seus cartos, teléfonos e moitos outros medios a disposición do Concello, e polo tanto dos veciños e veciñas de Ordes”.